por Manuel Bragado en Nós Diario:
É esperanzador que douscentos centros de educación secundaria do país enteiro participen na iniciativa de dinamización lingüística protagonizada pola mocidade estudantil e identificada na rede polo cancelo #AquíTaménSeFala. Nacida no IES Rafael Dieste da Coruña coa intención de desmontar os prexuízos sobre o uso do galego por parte da mocidade ou sobre a súa utilidade no mundo da empresa, a iniciativa estendeuse coma regueiro de pólvora nas aulas e nas redes, sendo xa 25.000 os mozos e mozas participantes e máis de catro millóns as reproducións das gravacións audiovisuais protagonizadas por valedoras da campaña como Vigo Mortesen, James Rhodes, Tanxugueiras, Jaione Camborda, María Castro, Sés, Ataque Escampe, Grande Amore, Abraham Cupeiro, entre outras moitas referentes culturais e musicais.